CANDO OS SOÑOS SON PINTURA
Falar sobre Mari Carmen Calviño é falar da dozura, da tenrura, da esperanza, da fortaleza, da confianza na vida, da cordura, da temperanza, da seguridade en si mesma. Coñezo á persoa e sei da súa sutileza, da súa sensibilidade e da imaxe de confianza que desprende. Mari Carmen Calviño é, indubidablemente, a miña amiga. Eu ben sei que cando se fala dun amigo non se deben facer falsos eloxios ou gabanzas incertas. Por iso, consciente desta regra ética, sei que non vou máis alá do que debe ser cando desta artista falo no xeito no que o fago. Mari Carmen é así, unha muller, unha muller-artista que fala cos pinceis como fala coas verbas, xeralmente axeitadas, comedidas e cargadas de mensaxes que van máis alá do rigoroso sentido semántico.
Coñecín a Mari Carmen hai anos, cando ámbolos dous faciamos ensaios para afianzar os nosos coñecementos de debuxo, procurabamos asegurar a técnica do color e tentabamos adquirir coñecemento dos medios para expresar as nosas inquietudes pictóricas. Éramos veciños de estudio e cabalete.
Por iso agora estou a falar da súa pintura, circunstancia que para min é un honor, á vez que unha satisfacción, aínda que as miñas expresións se poidan ver empanadas polas moitas outras, de xentes verdadeiramente doutas, que antes ca min o fixeron.
A pintura de Mari Carmen parece sinxela, fácil de comprender, ao alcance de calquera que a ela se aproxime. Máis eu discrepo e atrévome a asegurar que para interpretar esta pintura hai que ir precavido se se quere chegar a asimilala. Houbo quen dixo que a pintura de Miró parecía pintada por un neno... Houbo quen manifestou que a pintura de Picasso podía facela calquera... Houbo quen asegurou que a pintura de Saura non eran máis que trazos dun groso pincel encharcado de pintura negra... Houbo quen expresou que a pintura de Dalí era copiable... ¡ Que de barbaridades se dixeron!... Pois ben, aquí estamos diante dunha pintura tamén singular, tanto que, antes de emitir unha opinión, debe un meditala, sopesala, contrastala, se un non quere trabucarse e quedar en evidencia. A pintura de Mari Carmen non pode encadrarse no naturalismo, no surrealismo ou no expresionismo, pero é evidente que ten algo de todos eses ismos. Se non, vede eses bodegóns, esas paisaxes, esas mariñas, esas figuras. Predomina en todos o color que suxire fantasías, o volume que deixa estelas, a luz que vai máis alá de realidade, e, no fondo, alá recollido no cartafol das formas, ese misterio senlleiro que nos quere dicir algo que será individual e que cada quen percibirá no idioma que mellor entenda. Ese don particular de transmitir sensacións extraordinarias é a máis seria propiedade da pintura desta pintora.
Recorramos a súa exposición coma se dunha senda máxica se tratase, pois é maxia o que emana deses lenzos. Miremos detidamente cada un deses cadros, en silencio, sen presa; deixemos que os ollos se zarrapiquen con esas pingas de color e compoñan a figura imaxinada, e de seguro veremos que cada un será impactado dun xeito diferente, tentando ver algo que non está pero que se intúe misturado no color e no debuxo; deixemos en liberdade a imaxinación, que se perda nas imaxes, e seremos testemuñas dun novo renacer nesa realidade que a pintora nos trae e nos está a amosar.
A pintura de Mari Carmen Calviño é poesía da boa. Cada cadro é un poema... ¿ou será que cada cadro é unha estrofa dun único poema do que o ritmo está no latexo da mesma pintora?...
Que cada quen sinta o que poida, pois no sentir está a supervivencia. Deica logo.
Xosé Manuel Cairo Antelo
Novo blog
-
Mais informações sobre esta segunda exposição de Victor Silva Barros, na
Galeria Vieira Portuense, em:
http://victorsilvabarrosnoporto2.blogspot.pt/
Há 12 anos
Nenhum comentário:
Postar um comentário